RUTA CURROSIANA




 O pasado día 22 de maio, os alumnos de 3º de ESO fomos de excursión pola “Rota Currosiana”. Aínda que só fixemos unha parte desta, chegounos para coñecer mellor aspectos da vida e obra de Curros, así como o belísimo Mosteiro de San Salvador e algunhas das fermosas vilas e cheas de historia que forman esta rota: Vilanova dos Infantes e a propia Celanova.
Ao chegar, visitamos o Mosteiro de San Salvador, onde Celso Emilio Ferreiro pasou a súa “longa noite de pedra”. É un imponente edificio da arte barroca galega. Dentro, visitamos o coro co seus magníficos coro e  sillería e a onde acudían os monxes a cantar, como mínimo, dúas veces ao día. Explicáronnos que antes, o órgano non era un acompañamento da música que cantaban os monxes, senón que soían tocalo como acompañamento nas misas. Pese a que é do século XVIII, este órgano pode considerarse mesmo moderno, pois o vento xa é proporcionado por uns motores.
Na horta do mosteiro atópase a pequenísima capela mozárabe de San Miguel ,de menos de 22m2 .  Construída no séc. X, aínda hoxe permanece en perfecto estado.
Do mosteiro fomos á casa da infancia de Curros, coñecida agora como casa dos poetas en homenaxe a tamén a outros poetas célebres da zona como Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Luís Méndez Ferrín. Alí aprendimos cousas moi interesantes como que Curros, tras fuxir da súa casa con 15 anos e ir a Madrid, puido volver á súa Galicia coa súa nova familia grazas ao 1º premio que gañou nun certame de poesía en galego que se celebrou una capital. Poderíamos dicir que foi alí onde comezou a súa carreira, pois tras voltar a Galicia escribiu o seu primeiro poemario “Aires da miña terra”, no que denunciou os males da sociedade da época cunha especial dureza dirixida aos máis poderosos, entre eles á Igrexa. Por esta actitude combativa e comprometida foi prohibido inicialmente o seu poemario e Curros foi  detido e excomulgado. Aínda así, Curros non se rendiu e publicou o seu segundo poemario “O Divino Sainete”, onde dirixe críticas ao mesmo Papa de Roma
Tamén soubemos que Celso Emilio Ferreiro nacera unas casas máis abaixo na mesma rúa, pero que nunca mantiveran relación persoal.
Xa pola tarde, fomos a Vilanova dos Infantes, un pobo cun pasado que se remonta ao século XV e que viviu os enfrontamentos das revoltas irmandiñas no seu Castelo, do que hoxe só se conserva a torre da homenaxe e uns restos da muralla  sobre a que algúns veciños acabaron construíndo as súas propias casas, moitas delas aínda hoxe habitadas. Ademais de polos seus bos zapateiros, esta vila tamén foi importante pola “Virxe do Cristal”, na que Curros se inspirou para facer una dos seus poemas. Na torre  puidemos ver unha reproducción da talla da famos Virxe que, despois de roubada e asasinado o crego que a custodiaba, aínda segue desaparecida.
Sen dúbida, foi unha actividade na que á vez que nos divertimos, descubrimos novas cousas e aprendimos sen necesidade de ter o libro de Galego, Música ou Sociais diante. Recoméndoa a todo o mundo.

Comentarios

Entradas populares de este blog

GUIÓN PARA O VÍDEO DA MANSIÓN DOS PAMPÍN

... CÁMARA...ACCIÓN!!!!